CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa protestan na Coruña e lanzan ducias de ovos contra a Delegación do Goberno

Publicado o 17/07/2020 21:20

Aos traballadores de Alcoa San Cibrao uníronse os doutras empresas de elevado consumo eléctrico como Alu Ibérica. Marchan unidos porque a demanda é común, a defensa do emprego e da industria electrointensiva. A mobilización saiu da sede da Xunta na Coruña e acabou na Delegación do Goberno lanzando ovos contra a fachada e con tensión coa polícia mentres trataban de achegarse. Os traballadores piden un marco enerxético estable e competitivo e a axuda do Goberno central e da Xunta.

"Nós o que lle pedimos neste momento ao Goberno do Estado e á Xunta, aos dous por igual, é a intervención nas dúas empresas, ben nacionalización ou ben intervención pública durante o tempo necesario para evitar os despedimentos e mentres se sigue negociando para chegar a ese prezo da enerxía xusto para que as empresas non pechen", Xoán Xosé Bouzas da CIG.

"Hai que facer algo, hai que seguir batallando. Pedimos que haxa un estatuto dunha vez por todas. Levan 18 meses para quitalo e non o dan quitado", asegura Eladio Quelle da UXT.

Á protesta sumáronse tamén alcaldes da Mariña ou o secretario xeral do PPdeG con outros membros da formación."O que lle esiximos ao Goberno é que actúe. O Goberno de España ten que actuar porque é a súa responsabilidade. Pedímoslle a Pedro Sánchez que cumpra coas súas promesas cos seus propios compromisos porque foi o goberno socialista quen prometeu un estatuto da industria electrointensiva", di Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

Nunha semana remata o prazo de negociación e, se non hai ningunha solución, Alcoa iniciará xa formalmente o proceso de despedimento de 534 traballadores o que na práctica suporá o peche da factoria de aluminio primario de San Cibrao.

Noticias web

17/07/2020