CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa piden urxencia e falar "sobre números"

Publicado o 23/01/2020 15:06

Na Mesa sentan representantes do Goberno, da Xunta, da empresa e dos traballadores, que critican o atraso na aprobación do estatuto. Eles entraron pedindo concreción. O presidente do comité de Empresa de Alcoa San Cibrao lembrara que dixeran: "En canto teñamos un Goberno, teremos un estatuto. E estamos esperando a que saia ese estatuto. E hai un Goberno desde hai tres consellos de ministros. Entón, deixémonos de historias e deixémonos de falar de aire. Hai que falar sobre números".

O secretario xeral de Industria evitou dar datas de aprobación do estatuto, pero insistiu no compromiso do Goberno central co estatuto electrointensivo.

"Ese estatuto permitirá rebaixar o prezo da enerxía e ter un marco estable", dixo Raúl Blanco e, engadiu, "está en fase final. Esperamos próximas datas, moi próximas, pero non temos data".

Un marco estable para futuros investimentos industriais. O conselleiro de Industria agarda que o Goberno cumpra. Francisco Conde explica que "o que agardamos hoxe son medidas concretas e prazos concretos. E só hai unha medida. establecer un prezo eléctrico entre 35 euros e 40 euros megawatt".

Á espera do resultado da xuntanza, a Asociación de Industrias Metalúrxicas de Galicia urxe o desbloqueo do estatuto. O seu secretario xeral, Enrique Mallón pensa que "imos realmente, se isto non se remedia, en camiño contrario ao que temos que facer, que é ter máis músculo industrial".

Piden a posta en marcha dun plan industrial.

 

Noticias web

23/01/2020