CRTVG

Buscar

Os traballadores das auxiliares de Endesa mobilízanse para ter garantías de futuro

Publicado o 09/07/2020 21:07

 Os traballadores das firmas auxiliares da térmica de Endesa, nas Pontes, piden garantías de futuro para a planta. Din que é posible que Endesa siga funcionando con biocombustibles alternativos e reclaman unha transición ecolóxica xusta. A concentración foi convocada polos principais sindicatos.

O portavoz da CIG, Alberte Amado, pediu que se "constitúa a mesa da industria auxiliar dentro da mesa de transición das Pontes" para abordar a situación. Ñamentou que a negociación co grupo eléctrico non permitiu "concretar o número de traballadores afectados na industria auxiliar".

Apuntou que a realización de probas con biocombustibles para a súa posible introdución como actividade alternativa na central térmica marcará o devir da problemática. O inicio dos traballos prevese para a semana do próximo 27 de xullo e o plan conlevará a mestura de carbón e lodos no recinto.

Amado asegurou que Endesa "manifesta unha actitude positiva cara ás probas", pero sinalou que queda "en dúbida ao empezar a desmantelar" as dependencias. Deste xeito, referiuse a unha recente protesta de traballadores por un traslado de maquinaria sobre o cal a empresa se compromera a demorar ata que culminen os exercicios deste mes.

Igualmente, apuntou que se mantén aberta a correspondente "solicitude de peche". O representante sindical reivindicou que o "único compromiso" obtido non foi "adquirido na mesa" de negociación coa compañía. Neste sentido, detallou que ata que terminen "as probas, un mes vista", non hai "máis garantías de emprego". Por este motivo, advertiu que os operarios auxiliares descoñecen a súa "situación a partir desa data". 

Noticias web

09/07/2020