CRTVG

Buscar

Os Toronto Raptors puideron cos Lakers

Publicado o 02/08/2020 14:42

Os campións da NBA volveron pletóricos. Os Raptors non acusaron os cinco meses sen xogar nin a idade das súas estrelas, regresaron da parada en plena forma e demostrárono ante os Lakers. Marc Gasol achegou oito puntos e sete rebotes, Kyle Lowry colleu o mando en ataque, 33 puntos, e os seus compañeiros afanáronse na defensa, sobre todo no derradeiro cuarto, no que fixeron un parcial de 35-22 e deixaron as estrelas dos Lakers, Lebron James e Antnhony Davis, sen anotar nos últimos catro minutos e medio do choque. Así que os anxelinos terán que agardar para sumar a vitoria que lles dea o primeiro posto do Oeste matematicamente.

O seu rival da pasada xornada, os Clippers, mallaron nos Pelicans a base de triplas, 25 de 47, a mellor marca na historia da franquía e a terceira mellor na historia da NBA. Paul George meteu oito para un total de 28 puntos. Zion Williamson segue sen ser importante, xogou 14 minutos, e o seu equipo afástase dos postos de play off.

Nesa loita na conferencia este, aparecen os Pacers e os Sixers, que disputaron un choque trepidante con protagonismo de dous homes: TJ Warren, 53 puntos para os Pacers, Embiid 41 e 21 rebotes para os Sixers. O triunfo foi para os de Indiana que quedan a unha vitoria do quinto posto.

Noticias web

02/08/2020