CRTVG

Buscar

Os temporais deixan dous millóns en perdas e 3.000 hectáreas anegadas na Limia

Publicado o 30/12/2019 14:25

3.000 hectáreas anegadas, a colleita do cereal de inverno perdida. Case dous millóns de euros en perdas e a preocupación de que un novo temporal ou un revés atmosférico acabe por botar por terra a temporada. Na Limia levan semanas mirando para o ceo, agora o chan devólvelles unha imaxe de completa desfeita para a agricultura.

Dende o concello de Xinzo teñen previsto solicitar a declaración da Limia como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil. Os agricultores e gandeiros coidan que as axudas para paliar as perdas non son dabondo. Aseguran que falta limpeza nos ríos e nas canles por parte da Confederación Hidrográfica para evitar novas enchentes.

Nin sequera teñen esperanza en que o cereal de primavera poida axudarlles a salvar a tempada. Non todas as leiras serven agora para traballar, falta semente e dependen de que non faga demasiada calor unha vez comece o verán.

Agricultores e gandeiros presentaron xa un cento de reclamacións ante a Confederación Hidrográfica do Miño Sil polos danos causados pola auga nos seus cultivos. Dende a asociación ADEGAL apuntan que non desbotan a posibilidade de empreder accións legais contra a confederación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/12/2019