CRTVG

Buscar

Os temporais abren o ingüeiro da lagoa de Louro, en Muros

Publicado o 21/01/2020 14:37

Cada ano prodúcense unha media de dúas roturas nesta lagoa situada na parroquia muradán de Louro. Non obstante, os temporais que se sucederon no último ano provocaron que ocorrera algo inusual. Nos últimos dez meses, rexistrouse ata en cinco ocasións este fenómeno natural, máis propio da primavera. O último, hai apenas un día.

Tras a rotura, o proceso de recomposición da barreira de area que bordea a lagoa prodúcese de xeito natural, sen necesidade da intervención humana. Unha rexeneración que no último fenómeno rexistrado ata onte, a finais do mes de novembro, ocorreu sorprendentemente rápido, durando apenas dúas semanas.

E é que, se ben se trata dun fenómeno da natureza que se repite todos os anos, co paso do tempo foi experimentando cambios. Así, noutro tempo producíase de xeito artificial da man dos veciños que cultivaban as inmediacións da lagoa.

Tamén a mitoloxía popular ten cabida na lagoa de Louro. Antigamente, dicíase que este fenómeno supuña a chegada de grandes congros, polo que os veciños saían na súa captura aproveitando a rotura da zona húmida, que previsiblemente volverá á normalidade nas próximas semanas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020