CRTVG

Buscar

Os taxistas de Lugo ofrécense a facer a compra para axudar ás persoas con máis dificultades

Publicado o 24/03/2020 22:21

En Lugo os taxistas seguen a traballar, pero cunhas tarefas moi diferentes. Simplemente con chamaren ao teléfono 010, os veciños de Lugo poden solicitar o servizo dun taxista para que lles faga a compra de víveres e outros recados como a recollida de medicinas ou de produtos sanitarios e de limpeza.

O obxectivo é axudar as persoas que máis dificultades pasan nestes momentos de alarma sanitaria, pero o servizo está aberto a calquera usuario. De feito, os taxistas ven conveniente que se recorra a eles porque así se respectará o confinamento de xeito máis efectivo.

"O 010 contacta coa central de radio taxi e comunícanos cal é a petición do usuario. Sexa ir á compra, á farmacia ou a onde se poida estes días".

Os taxistas reciben por teléfono os pedidos e adiantan os cartos dos artigos que van mercar, e cobran cando o servizo remata. Ademais, só facturan o valor da carreira e en ningún caso o tempo de espera que teñan que agardar nos establecementos. Ademais, garanten as precaucións sanitarias.

"Levamos máscaras e luvas, e eu desinfecto o taxi cun produto especial cada vez que temos un servizo".

En Radio Taxi sinalan que só están a traballar arredor de 40 dos 70 taxistas que hai na cidade porque moitos deles presentan factores de risco ante o coronavirus ou conviven con persoas maiores ou doentes. Con todo, din que poderán cumprir co servizo de compras.

Noticias web

24/03/2020