CRTVG

Buscar

Os sumidoiros causan máis problemas que beneficios na parroquia pontevedresa de Xeve

Publicado o 13/07/2020 14:08

Os veciños do lugar da Chan, en Pontevedra, levan semanas queixándose. Acaban de rematar as obras dos sumidoiros e agora, que pensaban que o tiñan todo solucionado, comezan os problemas. Tres casas quedan sen poder conectarse á rede de saneamento e só unha pode facelo de xeito directo. O resto da aldea ten que instalar bombas para evacuar as augas negras. 

A veciñanza está alporizada desde que souberon que o planeamento da rede de sumidoiros deixaba a tubaxe máis alta que as vivendas do lugar, polo que se van ver obrigados a instalar bombas para poder botar fóra as augas residuais. Din que non se lles informou de nada. Teñen medo ademais de que cando chova reborden os condutos e se converta nun lugar fedorento.

E por se fose pouco tamén din que teñen prexuízos económicos. Os sistemas de bombeo van a cargo de cada veciño. Os que non poidan conectarse ao sumidoiro público teñen que instalar fosa séptica e aseguran tamén que as tarifas dos enganches son distintas, chegando nalgún caso a superar os 4.000 euros.

Noticias web

13/07/2020