CRTVG

Buscar

Os Óscar pospóñense ata abril de 2021 polo coronavirus

Publicado o 16/06/2020 13:55

A cerimonia de entrega dos Óscar celebrarase o 25 de abril de 2021 por mor da pandemia do coronavirus, despois de que a Xunta de Gobernadores da Academia de Hollywood aprobara este luns aprazar dous meses o evento.

Os candidatos ás categorías anunciaranse o 15 de marzo de 2021 e o prazo para ser candidato non rematará en 2020, pois o peche de cinemas e os atrasos de grandes estreas levaron a amplialo ata o 28 de febreiro, día en que se ía a celebrar a gala orixinalmente. 

Así mesmo, a apertura do novo Museo da Academia de Hollywood nos Ánxeles (EUA) non abrirá as súas portas ata o 30 de abril do próximo ano.

En poucas ocasións aprazouse a cerimonia: polas inundacións de 1938, o asasinato de Martin Luther King nos anos 60 e o atentado contra o presidente Ronald Reagan. Este é un novo paso que se suma a outros, como permitir presentar películas estreadas na Rede no tempo que durou o confinamento nos Estados Unidos.

Outros festivais como Os Bafta, a gran gala da cinematografía británica, van seguir os pasos dos Óscars e trasladan a súa cerimonia ao 11 de abril.