CRTVG

Buscar

O persoal sanitario recibe a Medalla de Ouro de Galicia

Publicado o 24/07/2020 09:58

Por primeira vez en moitos anos só se entregou unha medalla, pero para milleiros de persoas que dende marzo pelexan en hospitais e residencias contra a covid-19, dende os cuartos de limpeza ata as UCI, pasando polos laboratorios. Recollérona unha vintena de representantes destes colectivos e da man de dúas pacientes que superaron a enfermidade. No nome dos galardoados falou o coordinador das Urxencias do hospital do Salnés, que agradeceu "as súas olladas amables na lagoa de sufrimento".

Galicia soubo coidar de Galicia, dixo Alberto Núñez Feijóo, que defendeu que a nosa é unha nacionalidade histórica en marcha.  "A versión galega da autonomía supón combinar a defensa da identidade coa eficacia na xestión do público. A experiencia autonómica que temos acumulado é testemuño de que os galegos sabemos gobernarnos e cumprir en cada momento co noso deber, como demostran arreo as mulleres e homes da Sanidade", defendeu o presidente da Xunta en funcións.

E fixo un chamamento a non baixar a garda ante a pandemia. "As condutas imprudentes, amén de incrementar os riscos, significan esquecer as 619 persoas que se levou esta pandemia e que sempre teremos presentes. Igualmente, as condutas imprudentes supoñen un menosprezo aos que tanto fixeron e fan por nós, e que hoxe reciben a Medalla de Galicia".   

 

Noticias web

24/07/2020