CRTVG

Buscar

Os restaurantes poderán facer comida para levar a pesar do peche da hostalería

Publicado o 06/11/2020 20:29

Gozar dos nosos restaurantes será posible a pesar do peche da hostalería. Os cociñeiros seguirán preparando os seus pratos para que os levemos e consumamos na casa. E os menús poderán consultarse por teléfono ou en Internet.

Tomás Rubio, copropietario de A Viaxe, explica que "a comida nosa subímola en Instagram e en Facebook cada semana. Traballamos co que hai na praza, non temos carta fixa".

"A xente pode chamarnos ou descargar as aplicacións de Just Eat ou Obvious Eat, estamos nas dúas aplicacións", engade Jorge Míguez Rego, encargado da Bodeguilla de San Roque.

A maioría dos cociñeiros farán os seus menús habituais. Pero tamén atenderán algún encargo especial.

Hai restaurantes que incluso enviarán a comida a medio facer para que lle deamos o toque final na casa. Máis fresco, imposible.

O encargado da Bodeguilla de San Roque conta que "aquí vas ter as túas croquetas, crocantes, solombos ao queixo, carnes grelladas e temos tamén tres ensaladiñas".

O copropietario de A Viaxe di que "é comida que non vai rematada, así que damos a opción de que a xente que queira ceala veña a collela a última hora da tarde e logo a termine. Levan unhas caixiñas coas instrucións de como facer cada prato".

Debemos coidar que a comida que compremos vaia directamente ao prato ou á neveira para que non se estrague.

Tamén cómpre lembrar que os encargos deberán recollerse como moi tarde ás 10 e media da noite para non saltar o toque de queda.

Noticias web

06/11/2020