CRTVG

Buscar

Os restos do ditador foron reinhumados no panteón familiar de Mingorrubio-O Pardo

Publicado o 24/10/2019 15:00

O coche cos restos de Franco, que foron exhumados do Val dos Caídos, entrou ás 14:41 da tarde ao cemiterio de Mingorrubio-O Pardo, onde se celebrou un oficio relixioso na intimidade familiar.

O helicóptero que desprazou os restos desde o Val aterrou nunha zona próxima ás 13:56, pero o féretro permaneceu un tempo no interior da aeronave para asegurar o seu traslado, segundo informou o Goberno, e tamén á espera da chegada da comitiva fúnebre que se desprazou por estrada.

Ao tratarse do cadaleito orixinal co que foi enterrado Franco hai case 44 anos, que non se cambiou por desexo expreso da familia, os operarios tiñan que asegurar a integridade do mesmo antes de levalo ao panteón.

Alí celebrouse un oficio relixioso na intimidade familiar a cargo do prior do Valle dos Caídos, Santiago Canteira, e o sacerdote Ramón Tejero, fillo de Antonio Tejero, no panteón no que Franco foi reinhumado e onde está enterrada a súa esposa, Carmen Polo.

No helicóptero que transportou o féretro viaxou un dos netos do ditador, Francis Franco; o avogado da familia, Luís Felipe Utrera-Molina; a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, e outros representantes do Goberno.

Na cerimonia privada estaban os familiares do ditador, un total de 22 persoas entre netos, os seus cónxuxes e bisnietos, que viaxaron desde o Val xunto coa comitiva fúnebre por estrada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí