CRTVG

Buscar

Franco deixa o Val dos Caídos

Publicado o 24/10/2019 20:37

Faltaban uns minutos para a unha da tarde cando os restos do ditador Francisco Franco abandonan a basílica do Val dos Caídos. Oito familiares sacaban o féretro do lugar onde foi soterrado hai case 44 anos. Un helicóptero trasladouno ata o cemiterio de Mingorrubio onde volveu recibir sepultura.

Os 22 familiares de Franco acreditados accedían á basílica desde a explanada baleira do Val dos Caídos. A ministra de xustiza agardaba para exercer de notaria maior do reino no proceso de exhumación dos restos do ditador. Todos pasaron os controis de seguridade para evitar o acceso de dispositivos de gravación. Impediuse que un dos netos entrara cunha bandeira da España preconstitucional.

Pero dentro, a porta pechada, todo transcorreu sobre o guión e os tempos previstos. Os familiares non quixeron cambiar o cadaleito exterior a pesar de estar deteriorado. Ía dar a unha da tarde cando o sacaban a ombreiros. O prior da basílica bendeciu os restos pero non houbo honras nin salvas. Só os vivas dos achegados rompeu o silencio do momento.

O cadaleito ía tapado cunha tea, un pendón coa cruz de San Fernando, que os Franco aínda utilizan como emblema familiar, e unha coroa de loureiro.

Deu algún problema introducilo no helicóptero que o debía trasladar ata as inmediacións do cemiterio do Pardo-Mingorrubio para volver ser inhumado. O aparello levantaba o voo as 13.39 da tarde. Os restos do ditador deixaban atrás o Val dos Caídos onde fora sepultado hai 43 anos, 11 meses e un día.