CRTVG

Buscar

Os responsables do rescate do Blue Star agardan a preamar para realizar o primeiro intento de reflotar o buque

Publicado o 09/12/2019 11:36

O primeiro intento para reflotar o buque Blue Star, encallado desde o 24 de novembro na ría de Ares, será sobre as 14,22 horas deste luns, 9 de decembro. Nese momento haberá preamar e agárdase que se dean as condicións que faciliten a operación, con ondas que poderían alcanzar os sete metros de altura.  

Así o aseguraron fontes do dispositivo de rescate, que trasladaron que todo o operativo, tanto en terra como no mar, está a traballar para poder realizar este primeiro intento en data e en hora.  

Os responsables da empresa SMIT Salvage, contratada polo armador conxuntamente coa local Ardentia Marine, de Fene, están a reforzar os puntos de tiro do barco para o seu remolque, xa que terán que aguantar unha resistencia dunhas 200 toneladas en cada un dos puntos. Utilizaranse dous grandes remolcadores, polo que o tiro total será de 400 toneladas.  

Destas tarefas encargaranse tanto o Union Princess como o Boka Pegasus, que xa están nas proximidades do buque sinistrado. Ambos son considerados "dos máis potentes" para poder acometer accións deste tipo e teñen xa embarcados nas súas cubertas os trens de remolque. Ademais, o Boka Pegasus xa ten un cabo unido ao Blue Star.  

Tamén continuan na zona o Don Inda de Salvamento Marítimo e o Vehintiocho. Este último, chegado hai varios días desde Santander, será utilizado como buque de apoio nas tarefas.

Segundo o plan de rescate de SMIT Salvage, a operación de tiro consistirá nun arrastre de maneira combinada entre a zona de babor e de popa do buque sinistrado.  

Todo iso canto exista preamar, cun mar axitado, con ondas que axuden e colaboren cos remolcadores para suspender o máximo o buque e evitar as rochas existentes na zona da quilla.   Outro factor a favor desta operación é que nestes momentos o barco pesa unhas 110 toneladas menos que cando encallou, debido á retirada de combustibles e lubricantes do seu interior, ademais das tarefas que se realizan nos tanques de lastre, que se espera ter totalmente presurizados para o comezo da operación no mediodía do luns.  

Isto último realizarase co inxectado de aire comprimido para expulsar a auga que entrou no interior do quimiqueiro tras as roturas en varios zona do casco. No entanto, só afecta á zona exterior, xa que o buque é de dobre casco, e por iso non afectou aos seus depósitos interiores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí