CRTVG

Buscar

Os repartidores de comida a domicilio convértense en fundamentais no confinamento

Publicado o 21/04/2020 13:06

Coma cada día, Eduardo chega coa súa moto para recoller un pedido a uns dos 300 restaurantes cos que a súa empresa traballa en Galicia. Os repartidores en moto estanse a converter nunha das imaxes das rúas das cidades durante este confinamento.

"Son días difíciles -di-, por toda a situación que estamos a vivir e que ningún imaxinabamos".

"Estes días están a ser moi duros para nós, o que é o servizo de repartimento, a maiores de que estamos intentando traballar con todas as medidas de seguridade para intentar levarlles a comida ás persoas. Está sendo complicado no sentido de que a xente ten medo a recibilo, como lles chegará, se se poden contaxiar", di Eduardo Míguez Lameiro.

Ademais disto, cren que o descenso no volume de traballo é porque moitos restaurantes están pechados.

 "O volume dos noso restaurantes está nuns cen ou cento vinte, e estamos a falar de que agora están abertos uns vinte, trinta restaurantes. Entón esa dimunición dos restaurantes fai que a xente teña menos carta".

Este é un dos restaurantes que utiliza este servizo de repartimento para servir o seu menú a domicilio. Afirman que, se se prolonga esta situación, ven o futuro complicado. De momento, seguen a resistir coa clientela de case sempre.

"A verdade é que a xente... nós os clientes que temos xa, a verdade na nota que nos mandan con observacións que habitúan poñer, poñen moitas grazas por estar aí", afirman os propietarios do restaurante.

Malia esta situación, os repartidores din que están coa moral moi alta. Para demostralo, todos os días saen coas súas motos polas rúas da cidade para animar coas súas bucinas á hora dos aplausos das oito do serán.

Noticias web

21/04/2020