CRTVG

Buscar

Os reis presidirán a ofrenda ao Apóstolo o día 25 en Compostela

Publicado o 22/07/2020 13:31
   
Os reis presidirán a ofrenda ao Apóstolo o día 25 en Compostela

Os reis visitarán Santiago de Compostela o vindeiro sábado, día 25, na celebración do Día de Galicia para presidir a tradicional ofrenda ao Apóstolo, no marco da súa xira polas comunidades autónomas.

Don Filipe e doña Letizia fixeron coincidir a súa parada en Galicia coa festividade da comunidade, que este ano vén marcada pola pandemia.

Do mesmo xeito que ocorreu o pasado ano, a ofrenda non terá lugar na catedral de Santiago, ao atoparse en obras; volverá facerse na igrexa de San Martiño Pinario, onde haberá unha misa solemne en que don Felipe protagonizará o tributo ao Apóstolo.

Os actos institucionais comezarán na Praza do Obradoiro, onde haberá un primeiro saúdo ás autoridades, informou a Delegación de Goberno en Galicia nun comunicado.

Os reis estarán acompañados polo presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, dúas semanas despois de gañar as eleccións autonómicas con maioría absoluta por cuarta lexislatura consecutiva.

Tamén estarán presentes no acto o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, quen o pasado ano exerceu como delegado rexio, e o arcebispo compostelán, Julián Barrio.

Será a segunda ocasión en que os reis presiden a ofrenda, despois de que o fixesen en 2014, poucas semanas logo da proclamación de Felipe VIN.

A visita vai ter lugar ao outro día de que se cumpra o sétimo aniversario do accidente ferroviario de Angrois, que causou 80 mortos e 147 feridos.