CRTVG

Buscar

Refachos fortes de vento e chuvia abundante azoutan Galicia de norte a sur

Publicado o 21/01/2021 09:29

• Refachos de 140 km/h na Mariña e de 100 km/h nas Rías Baixas

A borrasca está moi preto do litoral noroeste, así que os fortes refachos de vento deixáronse notar nas últimas horas con especial intensidade. A frota tivo que amarrar en portos como os de Muxía, Corme e Camariñas. Ainda así, houbo quen se atreveu a saír ao mar.

En Vimianzo, o vento deixou rexistros de 132 quilómetros por hora. E para este xoves xa se espera outra borrasca que traerá ventos de máis de 80 km por hora en toda Galicia e temporal no mar con ondas de ata cinco metros de altura.

Refachos de máis de 100 km/h na costa de Pontevedra

Refachos de vento que superaron os 100 quilómetros por hora en Oia ou no Morrazo. Soprou con forza na provincia de Pontevedra e o temporal deixou sobre todo árbores caídas e desprendementos de fachadas, como a bóla de pedra que caeu dende unha terraza. Un regueiro de incidencias, que, por sorte, non causaron danos persoais.

Tamén se activou o aviso laranxa no mar por vento de forza 8 nas Rías Baixas e ondas de entre catro e cinco metros. Case a totalidade da frota permanece amarrada. Ademais, a chuvia tamén se deixou notar, con momentos de precipitacións intensas, sobre todo no interior de Pontevedra.

O temporal deixa refachos de 140 quilómetros por hora na Mariña

O vento zoa con forza en Viveiro. E iso que xa pasou o peor. Pola mañá rexistrouse un refacho de 140 quilómetros por hora no Penedo do Galo. Sempre hai moito vento alí. "Moito máis do que temos aquí abaixo".

Nas últimas horas o temporal deu unha tregua na Mariña. Desactivouse o aviso laranxa pero mantívose o amarelo. Unha lixeira melloría que animou a saír da casa.

"Non está tan mal como din, non ten dúbida. Xa ves que nos atrevemos a vir a pasear", cóntanos unha veciña de Viveiro. "Onte e pola noite fixo bastante vento, pero agora estamos simplemente no inverno", apunta outra. Na rúa din que foi peor o vento ca a chuvia.

Pero esa melloría non se notou no alto do Fiouco. Por unha vez non foi a néboa senón o vento o que trastornou o tráfico na autovia A-8. Durante toda a xornada, os camións articulados foron desviados cara á Nacional 634.

E no resto da comarca a tregua do temporal vai durar pouco. En terra o aviso seguirá sendo amarelo pero na costa subirá a laranxa por vento do sur e mar de fondo. A frota de baixura, que este mércores regresou a porto pouco despois de saír, terá que seguir amarrada.

Noticias web

21/01/2021