CRTVG

Buscar

Os primeiros peregrinos do 2019 elixen comezar o ano camiñando a Compostela

Publicado o 01/01/2019 13:28

O inverno é a estación na que chegan menos peregrinos a Compostela. Pero saímos ao Camiño francés neste día de Aninovo e atopamos xente que elixiu estes días precisamente por iso, buscando tranquilidade.

"Por facer algo diferente, non camiñar con todo o mundo. Por ter máis tempo para pensar en ti." "Hai pouca xente, poucos peregrinos e prefiro camiñar con pouca xente". "Porque é unha forma diferente de pasar o último día e o primeiro do ano." "Xurdiu a oportunidade nestas festas. Apetecíame ter un Nadal distinto. Veño de Alacante, empecei en Lugo e fixen catro xornadas."

Para algúns é a primeira vez que peregrinan a Santiago. Outros repiten sempre que poden.

"É o cuarto camiño, son unha veterana." "É como unha droga. Despois de facer o primeiro camiño continúas e fas outros." "Encántame España. É un lugar rico en natureza e as persoas son moi cariñosas. E pola espiritualidade, obviamente." "O camiño deste ano dedicámosllo a Sara unha amiga que está enferma. Desta vez fixémolo por ela. Vimos todos os anos. Levamos xa catro anos." "No Nadal, en Noitevella, xuntámonos aquí con outros peregrinos coñecidos e é moi bonito reencontrarse outra vez."

Segundo a oficina do Peregrino, onte chegaron a Santiago 126. A cifra total de 2017 aínda non está pechada pero seguro que marcará outro récord de afluencia cuns 330 mil peregrinos.

Noticias web

01/01/2019