CRTVG

Buscar

Os preparativos para remolcar o Blue Star durarán sete días

Publicado o 05/12/2019 13:47
Os preparativos para remolcar o Blue Star durarán sete días

Os preparativos para remolcar o quimiqueiro encallado en Ares durarán sete días, o que significa que se podería tentar realizar unha reposición desde o 10 de decembro en diante, segundo indica o plan preliminar de reflotamento do Blue Star, presentado pola empresa SMIT Salvage.

Este plan preliminar, facilitado pola Delegación do Goberno en Galicia, contempla que "as condicións perfectas" de ondada alta requiridas para liberar o Blue Star pódense dar ao redor do 14 de decembro, segundo os seus cálculos.

Ademais, o documento concreta que deben atender diferentes incógnitas como "o posible aumento do dano do casco" que conlevaría inundacións e a perda de flotabilidade, así como variacións nas condicións que se prevén do clima e do mar.

Para reflotar o buque, indica o informe, inxectarase aire nos tanques de lastre de auga que están preparados para a presurización do aire, momento en que "a auga da inundación debe ser expulsada a través dos danos causados no casco", operación que provocará flotabilidade.

Pero os seus cálculos mostran que esta forza non será suficiente, co que se requiren as altas ondas esperadas para tirar dos remolcadores e levar o navío accidentado a terra.

Para aumentar as posibilidades dun intento de reflotamento exitoso, coas mareas en torno ao 14 de decembro, recomendan facer arranxos para unha forza de tiro mínimo de 350 toneladas, dividido en dous remolcadores de gran tamaño.

Tamén detalla que "o mal tempo é unha característica común durante este período do ano, o que conleva posibles atrasos" e que a duración estimada para a actuación baséase unicamente en "operacións diúrnas".

Para este cálculo non se tiveron en conta as operacións que se poden obstaculizar polo clima adverso, nin "os atrasos fose do control de SMIT, como a espera de permisos, circunstancias locais, terceiros e autoridades".

O equipo do proxecto no lugar estará composto por un mestre de salvamento, un superintendente, un mergullador capataz, un mergullador de salvamento, catro enxeñeiros de salvamento, tres arquitectos navais, un técnico de bombeo, tres operadores de equipo, tres SHEQ, un coordinador de terra e un controlador de costas.

Este mércores, o director xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento, Benito Núñez, informaba na Coruña que a empresa contratada polo armador do Blue Star tentará remolcar o  quimiqueiro entre os próximos días 11 ao 16 de decembro.