CRTVG

Buscar

Os pregoeiros a cabalo inician a Feira Franca de Pontevedra

Publicado o 06/09/2019 21:33

As rúas decoradas coas galas propias do século XV acollen os visitantes por milleiros pero tamén acollen comidas e ceas ao aire libre, espectáculos e postos artesáns. Xa leva dias preparándose, pero todo comezou sobre as 7 da tarde cun grupo de pregoeiros a cabalo anunciando por todo o centro histórico, o inicio desta edición da Feira Franca. É a número vinte e por iso este ano transcende a zona monumental. Cada recuncho da cidade participa dunha feira que a devolve a 1467, cando o rei Enrique IV autorizou a vila a celebrar un mercado libre de impostos.

O calendario de Pontevedra retrocede ata a Idade Media . A Feira Franca leva vinte anos convertida nunha das celebracións favoritas dos pontevedreses que maioritariamente se mimetizan coa época a golpe de disfrace. Na moda medieval tamén hai tendencias. Este ano os mais vendidos son, segundo a propietaria dunha tenda de roupa, os traxes de guerreiro e os que son mais frescos por mor to tempo.

O Concello ten 400 permisos concedidos para a celebración de banquetes na rúa. Os restaurantes ofrecen menús especiais e as cuadrillas organizan a súa propia comida. A produción das panaderías aumenta entre un 25 e un 30%. Sobre todo, de empanadas. O panadeiro Dani Pampín quéixase de que a xente é pouco previsora e asegura que reciben a maioría dos encargos con apenas 48 horas de antelación.

Os hoteis están completos, maioritariamente, con visitantes chegados de Galicia. Atopar un cuarto libre é misión imposible.
Esta vixésima edición da festa medieval amplía o ámbito de celebración alén da cidade vella e da alameda. Na xornada do sábado, unha vintena de embarcacións tradicionais sucarán as augas do Lérez e, nas beiras, recrearánse os oficios mariñeiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019