CRTVG

Buscar

Os percebeiros volverán reunirse o venres para consensuar unha saída ao conflito cos bateeiros

Publicado o 26/05/2020 21:39

Os percebeiros de Coruña e Pontevedra volven reunirse este venres para pactar unha solución ao conflito que teñen aberto cos bateeiros, que aínda seguen reunidos arestora. Os dous colectivos estudan a proposta da Consellería do Mar, que propón reservar 50 quilómetros de costa para a extracción do percebe e deixar traballar un mes máis os bateeiros para compensalos.

Este foi un mal ano de mexilla. Os bateeiros din que non hai cría suficiente para ter unha boa produción de mexillón. Pero tamén foi un mal ano para os percebeiros, que non puideron vender o seu produto aos restaurantes pechados polo estado de alarma.

Por iso, ambos sectores levan semanas pelexando polas rochas que mellor producen. Uns queren gardalas para ter percebe no verán. Outros precisan sacar agora a mexilla para abastecer o mercado dentro duns meses.

A Consellería do Mar propúxolles este martes un acordo que intenta beneficiar ambas partes. Reserva 16 zonas só para percebe, 10 na provincia de Pontevedra e 6 na Coruña. En total, 50 km de costa. A cambio, os bateeiros poderán seguir collendo mexilla ata finais de xuño. E poderán ampliar en máis de 50 o número de cordas colectoras en cada batea.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "É unha proposta equilibrada para preservar o percebe e tamén a posibilidade de que os bateeiros que non teñan suficiente mexilla poidan aproveitar unha prórroga".

Despois de xuño, as partes terán que seguir negociando para facer un regulamento estable. En decembro os bateeiros volven recoller mexilla e ninguén quere que siga habendo pelexas.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Agardo que bateeiros e percebeiros acepten esta proposta, reine a paz e poidan convivir".

As partes reuníronse de mañá na consellería e arestora estudan a proposta por separado. As posturas son diferentes. Pero todos están de acordo en que precisan unha solución ao conflito.

Noticias web

26/05/2020