CRTVG

Buscar

Os independentistas desafían o TC e a autodeterminación debaterase no Parlament

Publicado o 23/10/2019 08:30

Os partidos independentistas volven desafiar o Tribunal Constitucional e defenderán a autodeterminación no Parlamento catalán. Unha resolución que subscribe o Goberno de Quim Torra e que acordaron a pesar das advertencias dos letrados da cámara. Unha semana despois da sentenza do procés, o secesionismo dá a primeira mostra de unidade no Parlament catalán.

A proposta de resolución, que inclúe o rexeitamento á condena aos líderes do procés, e que pactaron Junts per Catalunya, Esquerra e a CUP, defende o dereito dos deputados a debater e votar calquera asunto, incluída a autodeterminacion, reivindica a soberanía de Cataluña para decidir o seu futuro político ou inclúe a reprobación da monarquía. Os letrados do Parlament advertíronos de que entra en contradición coas ordes que dera o Tribunal Constitucional o pasado día 16 e que poden incorrer nun delito de desobediencia.

Pero o presidente da Cámara responde que non permitirá censuras e que asumirá as consecuencias penais.

"Non permitiremos que a censura entre neste Parlamento. Asumiremos todas as consecuencias que comporte defender que aquí se pode falar de todo, porque a loita paga a pena", dicía Roger Torrent.

O Goberno da Generalitat fai súa a resolución das forzas soberanistas.

"O Goberno da Generalitat defenderá o exercicio do dereito á autodeterminación como vía para decidir o futuro político de Cataluña. Isto é, literalmente, o que hoxe acordou todo o goberno de Cataluña", aseguraba Quim Torra. 

Sobre a condición que lle pon Moncloa para dialogar, o rexeitamento expreso e contundente da violencia, Torra responde.

Quim Torra: "Eu non podo seguir cada día con esta pregunta. É só unha escusa. O problema é abordar o conflito político que hai en Cataluña".

Torra insta a Pedro Sánchez a iniciar un diálogo sen condicións. Ao que o presidente do Goberno en funcións responde.

"Como anda chamándome todos os días, entroulle esa atracaca a chamarme, eu dígolle ao señor Torra que antes de chamarme a min, faga unha chamada á convivencia, á fin da violencia e a defender os policías autonómicos, é dicir, ós Mossos d'Esquadra", dicía Sánchez nun mitin en Cádiz.

Sánchez engade que Torra ten que falar tamén cos cataláns que non son independentistas.

Mentres continúan as tirapuxas políticas, das rúas de Cataluña desapareceu a violencia e as protestas contra a sentenza do procés redúcense a simples actos simbólicos. Coma o de onte, na fonte da praza España, que quedou cuberta de escuma, despois de que os asistentes á concentración guindaran nela xabón para limpar a sucidade das rúas, dicía a convocatoria dos CDR.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/10/2019