CRTVG

Buscar

Os Países Baixos pechan a actividade non esencial ata o 19 de xaneiro

Publicado o 14/12/2020 21:06

O primeiro ministro Mark Rutte declarou este luns o peche de garderías, colexios e institutos e de toda a actividade non esencial, o cal inclúe comercios, ximnasios, prostíbulos e museos, ata o 19 de xaneiro, no confinamento máis ríxido aplicado nos Países Baixos desde marzo.

Nun discurso á nación, interrompido por asubíos e berros de fondo dunha protesta convocada contra as restricións diante da súa oficina, Rutte confirmou que os Países Baixos "estarán confinados" de forma inmediata e durante cinco semanas, tras disparásrense os contaxios a uns 10.000 casos por día.

Dous meses despois de pechar bares e restaurantes, Rutte, que cualificou as medidas de "severas" e "drásticas", pero "vitais", pediu aos cidadáns reducir as súas saídas, confinarse, non viaxar ao estranxeiro e limitar o número de invitados á casa a un máximo de dúas persoas, límite que tamén se aplica en exteriores.

A excepción á norma será o 24, 25 e 26 de decembro, cando se poderá recibir un máximo de tres visitas por día na casa, coma na actualidade, pero quedan excluídos do computo os nenos de ata 12 anos.

Colas nas tendas de Berlín ante o inminente peche da vía pública

En Berlín apuran as compras porque o mércores pechan os comercios. Lamentan as restricións, pero acéptanas. Os contaxios seguen medrando: 16.300 nas últimas vinte e catro horas. O presidente alemán considera a situación "extremadamente grave" e as medidas drásticas, inevitables. Ata o 10 de xaneiro pechan os negocios non esenciais e as escolas. A actividade cultural, de ocio e de restauración xa pararan en novembro.

No Reino Unido identifican unha nova variante do coronavirus que se propaga con gran rapidez. Segundo o ministro británico de Sanidade, ata o momento identíficáronse máis dun milleiro de casos con esta cepa no sur de Inglaterra.

Agora, investigan se ten que ver co incremento de contaxios nesta zona. O país suma 18.400 positivos e o Goberno decide volver impoñer o nivel máximo de restricións na capital. A partir do mércores, Londres pecha bares, restaurantes, cines, teatros, museos e galerías.

O Goberno italiano estuda endurecer as limitacións tras rexistrar este luns 17.900 casos. Quere restrinxir a mobilidade e a restauración durante as festas. 

Noticias web

14/12/2020