CRTVG

Buscar

Os pais do bebé que se busca no Besós ocultaron o embarazo

Publicado o 26/09/2019 15:43

Un embarazo entre adolescentes non desexado e secreto. Un parto nun cuarto dun hostal, en que pasaron a noite. Unhas testemuñas que relataron como un rapaz abandonaba un bebé no río. Estes son os antecedentes dun suceso que está a conmocionar a sociedade barcelonesa.

Os pais do mozo xa denunciaran o luns a desaparición do seu fillo e os Mosos d'Escuadra foron atando cabos ata que o detiveron e confesou os feitos. Pasou a disposición da Fiscalía de Menores. Ela, que lle ocultou á súa familia o embarazo, está ingresada nun hospital.

Segundo testemuñas, o adolescente, tras desfacerse do bebé, dirixiuse a un bar próximo para cargar o móbil e pedir un taxi. Estaba empapado. Contou que lle caera unha pelota á auga. Ao dono do bar díxolle que o querían matar, a mesma versión que mantivo cos pais cando o foron buscar. Foron eles quen o levaron á policía.

Mentres no río Besós retomáronse hoxe as tarefas de busca, peitean palmo a palmo os 800 metros que separan o lugar do suceso da desembocadura. Temen que o corpo do pequeno puidese ser arrastrado pola corrente.

Noticias web

26/09/2019