CRTVG

Buscar

Os otorrinos reclaman o uso de equipos de cirurxía robótica na extirpación de tumores

Publicado o 03/10/2019 15:14

A Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía reclama investimentos para dotar os hospitais públicos dos equipos de cirurxía robótica que faciliten as extirpacións de cancros de boca e farinxe, que están a aumentar. Nos hospitais públicos galegos non hai ningún.

Galicia diagnostica cada ano mil cancros de cabeza e pescozo, e un de cada cinco está na farinxe. Os organizadores do congreso que a Sociedade de Otorrinolagoloxía celebra en Santiago explicaron que moitos deles se deben ao virus do papiloma humano que se transmite a través do sexo oral. Segundo dixeron, este cancro está a aumentar.

"Aprendemos doutros países como Estados Unidos e norte de Europa onde se pasou do 20 o 70% dos tumores con esta orixe. Supoñemos que tamén vai afectar a nosa poboación. E o único cancro da nosa área que medra, cada vez temos máis casos", dixo o organizador do congreso, Pablo Parente.

Os expertos sinalaron que a cirurxía robótica é a mais eficaz e a menos invasiva para extirpar estes tumores, e lamentaron que haxa poucos hospitais publicos en España que dispoñan dela. En Galicia non hai ningún.

"Ao abordar un tumor da farinxe moitas veces hai que cortar a mandíbula, atravesar tecido san para chegar ao tumor, extirpalo, limpar ganglios do pescozo, e, por suposto, traqueotomía. Na cirurxía robótica faise extirpación transoral da lesión, limpeza dos ganglios e sen traqueotomía", explicou Raimundo Guitiérrez Fonseca, secretario xeral da Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía.

Os médicos destacaron que maior beneficiario desta técnica é o paciente, que sofre menos danos e ten menos días de hospital.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019