CRTVG

Buscar

Os orzamentos soben impostos a grandes empresas e rendas altas

Publicado o 27/10/2020 10:22

• As pensións soben o 0,9 %, o 1,8 % as non contributivas e o 5 % o IPREM | Sánchez: "Son os presupostos que o noso país necesita | Iglesias: "Deixan atrás a época de recortes"

O proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2021 subirá o IRPF para as rendas altas, tanto do traballo como do capital, e o imposto de patrimonio para as grandes fortunas, segundo avanzou este martes o vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias.

As contas tamén reducirán as desgravacións dos plans de pensións privados, limitarán as exencións do imposto de sociedades para os dividendos e plusvalías das filiais das grandes empresas e establecerán unha tributación mínima para as socimis, detallou Iglesias nun acto para presentar as claves do proxecto orzamentario que aprobará este martes o Consello de Ministros.

En concreto, o obxectivo de aumentar a "xustiza fiscal" pasa por elevar o IRPF en tres puntos para as rendas do capital a partir de 200.000 euros e en dous puntos para as rendas do traballo a partir de 300.000 euros, á vez que reducirá as desgravacións para os plans de pensións privados nunha contía que o vicepresidente non detallou. O imposto de patrimonio subirá un punto para as fortunas de máis de 10 millóns de euros.

Os grandes grupos empresariais verán limitadas as exencións de dividendos e plusvalías das súas filiais no exterior e as sociedades cotizadas de investimento inmobiliario ( socimis) terán unha tributación mínima do 15 %.

En materia de gasto, os orzamentos prevén o reforzo da atención á dependencia, cun aumento de dotación do 46 %, 600 millóns de euros, cos que se pretenden reducir as listas de espera e mellorar as prestacións. Ademais, dedicaranse 700 millóns de fondos europeos a mellorar a atención a persoas maiores, co obxectivo de transitar dun modelo de residencias a outro de atención domiciliaria, explicou Iglesias.

As contas empregarán 200 millóns para impulsar a educación de cero a tres anos e 200 millóns para a contratación pública de coidadores profesionais. As políticas activas de emprego veranse incrementadas en 200 millóns e o indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem), ao que están referenciado axudas, prestacións e bolsas, subirá un 5 %. Aumentará ademais en 250 millóns a dotación para bolsas universitarias. 

As pensións soben o 0,9 %, o 1,8 % as non contributivas e o 5 % o IPREM 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou que as pensións subirán o 0,9 % en 2021 e avanzou que as non contributivas o farán o dobre, o 1,8 %, en tanto que o IPREM (indicador que serve para calcular diferentes axudas e prestacións) terá unha suba histórica do 5 %.

Durante a súa comparecencia xunto co vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, Sánchez destacou que a subida do 0,9 % beneficiará a 9,7 millóns de pensionistas con prestación contributiva que non perderán poder adquisitivo o próximo ano. A subida do 1,8 % beneficiará a 449.188 pensionistas (con datos a setembro), dos que 261.221 cobran xubilación (58,15 % do total) e 187.967, invalidez (41,85 %).

Da subida do IPREM, Sánchez destacou que é a maior desde que se creou este indicador. O indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) creouse en 2004 co obxectivo de que as axudas e subsidios non relacionados co traballo deixasen de actualizarse conforme ao salario mínimo interprofesional (SMI). O indicador estivo conxelado de 2011 a 2016, subiu un 1 % en 2017, volveu conxelar en 2018 e así se mantivo en 2019 e 2020 ante a ausencia de orzamentos, co que desde 2017 o IPREM estaba fixado 537,84 euros mensuais.

Os subsidios por desemprego, as axudas ao aluguer, o acceso a unha vivenda de protección oficial, as bolsas de estudo ou para a gardería son algunhas axudas que se calculan en función do IPREM. Sánchez destacou o apoio que os orzamentos de 2021 supoñerán para as familias con rendas máis baixas e en situación de vulnerabilidade.

En termos xerais, o presidente sinalou que son uns orzamentos indispensables e progresistas, "os que o país necesita", ademais de "absolutamente excepcionais" polo contexto de pandemia e polo volume de investimento público que mobilizan, "o máis ambicioso da historia da democracia". Recalcou que servirán para reconstruír "o que nos arrebatou a crise" e para modernizar o modelo produtivo, favorecendo un crecemento sobre bases máis sólidas. "Poderiamos habernos replegado na austeridade, pero a vontade do Goberno foi saír adiante con enerxía", engadiu. 

Noticias web

27/10/2020