CRTVG

Buscar

Os operarios encargados da extracción do combustible xa traballan no Blue Star

Publicado o 26/11/2019 16:57

Actividade continua a bordo do Blue Star ao longo da mañá. Un helicóptero trasladou os operarios da compañía holandesa Smit para os labores previos ao proceso de extracción das 60 toneladas de gasóleo e 45 de fuel que almacena este xigante de case 130 metros de eslora. Non hai tempo que perder, porque o aviso laranxa que se activa ás tres da tarde ante a chegada dunha nova borrasca complicará bastante as próximas horas.

A idea é empregar mangueiras para transportar o combustible desde o buque aos camións cisterna que o recollerán en terra, pero á marxe da meteoroloxía, o terreo tampouco o pon doado: ata o lugar onde o barco quedou varado o venres pasado non hai acceso asfaltado ningún. Os técnicos barallaban esta mañá a posibilidade de realizar obras de urxencia que garantan un áxil acceso e saída dos vehículos en que se cargue o carburante. Mentres, os curiosos non deixan de achegarse ao lugar.

"Tivemos sorte que o barco ía sen carga porque, se chega a levar produtos petroquímicos, a cousa sería seria", apunta un veciño. "Non libra a hélice, non creo que poidan tirar cara atrás porque está toda a popa atrincada nas rocas", advirte outro, marino de profesión xa retirado.

Ante o atractivo que o Blue Star supón para os veciños, a Subdelegación do Goberno na Coruña demanda que os accesos se manteñan despexados e que, na medida do posible, a xente se achegue a pé para evitar interferir nos traballos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí