CRTVG

Buscar

Os mozos galegos no Reino Unido, ante o futuro e a incerteza do "brexit"

Publicado o 23/03/2019 13:21

Estímase que no Reino Unido viven máis de 14.000 galegos e todos afrontan con inseguridade un brexit que cada vez parece estar máis próximo.

Nos últimos meses non deixamos de escoitar esta palabra, "brexit", unha abreviatura de British, 'británico', e exit, 'saída'. Se aquí xa estamos un pouco cansos de que non se chegue a ningún acordo, imaxinade o que pensarán os galegos que viven no Reino Unido, ao outro lado desa fronteira incerta coa Unión Europea.

Paula González é de Ourense e leva tres anos e tres meses vivindo no Reino Unido, primeiro en Portsmouth e os últimos seis meses en Londres. Explícanos que desde que se aprobou o referendo no 2016 "teñen a palabra brexit por todos os lados".

"Inconscientemente, tes esa información en todos os lados, nas redes ou cando estás falando cos teus amigos de aquí ou no traballo”, engade a coruñesa Vera Martínez, que xa leva tres anos vivindo en Londres.

Pero o brexit é para todas elas un tema moi importante e do que están pendentes case a diario. "As consecuencias da saída da Unión Europea son cruciais para a xente que vivimos e traballamos aquí", afirma a monfortina Olalla Díaz, que tamén vive desde o 2016 na capital británica.

Dos 130.000 españois residentes no Reino Unido, máis de 14.000 son galegos. Todos afrontan con incerteza un brexit que cada vez parece estar máis próximo.

"O problema con este tema é que realmente nin eles mesmos saben todo o que vai pasar", di Vera. A Paula preocúpalle que a experiencia que está gañando como enfermeira no Reino Unido non lle sirva cando volva a España, xa que "se non estivésemos na Unión Europea, non ma validarían", explica.

Volverían a España se o brexit se dese?

Nos últimos anos, a falta de oportunidades laborais no noso país fixo que moitos mozos emigraran ao Reino Unido. Cando lles preguntamos se volverían á casa se o brexit se producise, as opinións difiren.

Paula engade que a saída da Unión Europea aceleraría a súa decisión: "Eu quero volver a España nalgún momento e, se o brexit sucede, volvo á miña terra, á miña casiña". Olalla non pensa no de volver, xa que "non é seguro para o Reino Unido deixar nun limbo legal tanta xente", e cre que haberá algunha forma de regularizar e facilitar a súa situación. Vera toma unha actitude máis prudente e decidirá despois de ver o que pasa. "Dependería un pouco de se a miña vida vai cambiar en todos os aspectos aquí, entón si que decidiría abandonar o país", argumenta.

As agresións contra españois, en aumento

Desde o brexit, as agresións contra estranxeiros van en aumento. Segundo fontes diplomáticas, este tipo de incidentes contra españois incrementáronse nun 30 % nos últimos dous anos, e niso repara Vera. "Desde que cheguei a Londres hai tres anos, si que noto máis discriminación que ao principio. Xa non só na xente maior, senón tamén na xente máis nova", afirma.

Para Paula, é algo ao que se ten que enfrontar no seu día a día. Ao traballar cara ao público, ve como os familiares dos pacientes "non queren que os seus seres queridos sexan coidados por unha persoa non inglesa". Ademais, cóntanos unha anécdota que un día lle pasou no metro. "Recordo un día en que ía cun amigo no metro e estabamos falando español, pero nada importante, e unha rapaza que ía ao meu lado miroume mal e dixo 'por que falas español, se estamos no Reino Unido?'", explica.

O futuro é incerto. Que pasará cos visados, co sistema de residencia ou coas bolsas tipo Erasmus? A telenovela do brexit continúa con moitas preguntas no aire. Veremos que pasa no seguinte capítulo.

Noticias web

23/03/2019