CRTVG

Buscar

Os militares que tomaron o poder en Malí prometen eleccións e decretan o toque de queda

Publicado o 19/08/2020 16:49
Os militares que tomaron o poder en Malí prometen eleccións e decretan o toque de queda

Os militares malianos que onte deron un golpe de estado tomaron o poder tras disolver a Asemblea Nacional, forzar a renuncia do presidente Ibrahim Boubacar Keita e do seu Goberno e crear un 'Comité Nacional para a Salvación do Pobo', pero enfróntanse ao illamento internacional.

Cinco uniformados compareceron esta mañá ante a televisión pública maliana e leron un comunicado en que confirmaron o derrocamento do réxime de Keita e prometeron unha transición cara a unhas eleccións "nun prazo razoable" que non precisaron. O comunicado foi lido polo tenente coronel Ismael Waghe, que foi presentado como "portavoz".

Esta primeira aparición pública dos golpistas foi un recordatorio dos males que afectan a Malí: corrupción política, violencia étnica e sectaria e desintegración territorial, co engadido da cantidade de baixas soportadas polos "irmáns uniformados" en ataques armados.

Os militares decretaron o toque de queda nocturno e o peche das fronteiras aéreas e terrestres do país "ata nova orde", aínda que este peche xa fora anunciado horas antes polos países veciños, agrupados xunto con Malí na Comunidade de Estados de África do Oeste (CEDEAO).

O coronel Assimi Goita foi designado presidente do Comité Nacional para a Salvación do Pobo.

Noticias web

19/08/2020