CRTVG

Buscar

Os médicos de familia lamentan que os titulados evitan esa especialización pola precariedade laboral

Publicado o 12/11/2020 14:36

• A presidenta de Agamfec interveu na Comisión de reactivación do Parlamento

• Denuncia que hai facultativos con 2.000 pacientes asignados

Os médicos de familia lamentan que os titulados evitan esa especialización pola precariedade laboral

A presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), Susana Aldecoa, alertou este xoves sobre o problema existente por falta persoal no servizo de Atención Primaria en Galicia, que deriva, segundo lamentou, da "precariedade laboral" que fai que os estudantes de Medicina non queiran dedicarse a esta especialidade.

Na súa comparecencia na Comisión de reactivación do Parlamento galego, Aldecoa dixo que a pandemia do coronavirus puxo de relevancia que a Atención Primaria debería ser "o centro" do sistema sanitario, logo de moitos anos sufrindo unha importante desatención por parte das autoridades administrativas.

Segundo denunciou, a xestión de persoal nesta especialidade está marcada pola "ineficacia" e os "recortes" o que fai "imposible" que en Galicia se poida exercer "un traballo de mínima calidade porque estamos esgotados" con cotas que chegan ata aos 2.000 pacientes por profesional.

Aldecoa engadiu que para reverter esta situación debería preverse un incremento de persoal e melloras laborais, xa que na actualidade "as prazas non son atractivas" polo que os profesionais optan por outras especialidades que acheguen mellores condicións.

Falta de recoñecemento social e laboral

"Non hai recoñecemento social, nin tampouco laboral", afondou, polo que a Atención Primaria acaba sendo deostada polos estudantes. Laiouse de que desde a Xunta aleguen que "non hai médicos", sen cuestionarse a que se debe que elixan outras especialidades, medicina privada ou mesmo outros países para exercer.

"Eles teñen capacidade de escoller e temos que ofrecerlles algo que queiran: prazas estables e prazas de calidade", resumiu  Aldecoa, que advertiu de que unha mala atención primaria terá consecuencias na esperanza de vida dos galegos porque "morreremos antes e morreremos peor".

Para a presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria o problema débese ás decisións adoptadas desde as direccións das áreas sanitarias, cuxos responsables proceden do "ámbito hospitalario e non entenderon que a peza clave do sistema é a atención primaria" porque "xestionar o que non se coñece é imposible".

Neste sentido, considerou que é un erro que a prioridades do Sergas se midan en número de camas e avogou por cuestionar se "é máis importante ter máis camas de UCI ou impedir que os pacientes cheguen a enfermar".

Sanidade privada

Ademais, alertou da afectación que esta situación está a ter na cidadanía que está a acudir á sanidade privada porque "na pública hai lista de espera" que moitos pacientes non poden esperar.
Por todo iso, a experta pediu dar máis relevancia á atención primaria cun incremento na dotación orzamentaria.

Os grupos da oposición -BNG e PSdeG- coincidiron na exposición da comparecente.

A deputada do BNG Montse Prado insistiu en que a crise do coronavirus evidenciou que o "80 % das respostas" se deron nos servizos da Atención Primaria".

Polo PSdeG, Julio Torrado sostivo que na Atención Primaria existe "un problema de recursos pero tamén de concepción" sobre este sector e sobre os profesionais de atención primaria "aos que non se lles trata ben" desde o Sergas.

A deputada do PPdeG Encarna Amigo asegurou que a Xunta é consciente da importancia que ten no sistema a Atención Primaria e por iso traballa en plans e contratos para "fidelizar os profesionais".