CRTVG

Buscar

Os mariscadores de Boiro chegan ás mans polas zonas de marisqueo

Publicado o 19/07/2019 14:45

O conflito polas zonas de marisqueo en Boiro vén de lonxe, pero onte superáronse todos os límites. Ás portas da lonxa de Cabo de Cruz organizouse unha importante lea entre as mariscadoras de a pé e os de embarcación.

A tensión que se viviu foi tal que incluso chegaron ás mans, o que obrigou a intervir a Garda Civil.
O enfrontamento iniciouse cando as mariscadoras a pé intentaron evitar que os de embarcación descargasen as súas capturas na lonxa. Fixérono para protestar por unha presunta invasión das súas zonas de marisqueo; unha invasión que, segundo din, está a provocar que desapareza todo o marisco.

Charo Vázquez, presidenta das mariscadoras a pé de Cabo de Cruz, asegura que en 16 anos nunca viu isto. Dixo que na praia de Mañons estaban faenando case en terra e que encima teñen que escoitar insultos. Agarda que agora empecen a controlar un pouco máis as zonas de marisqueo e a sancionar aos que non respetan os límites establecidos.

Os mariscadores en superficie non quixeron falar ante as cámaras, pero negan as acusacións. Din que eles non invadiron as zonas delimitadas para as mariscadoras a pé e argumentan que hai vixilancia para que isto non suceda. Así e todo, din que as escenas que se viviron onte na lonxa son vergoñentas e non benefician a ninguén. Eles son partidarios de se falen estes problemas internamente.

As produtoras a pé coinciden en que debe ser a confraría a que controle que non se produzan estas invasións, pero tamén fan un chamamento á Consellería do Mar para que medie no conflito e se solucione dunha vez por todas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/07/2019