CRTVG

Buscar

Os mariñeiros do Son seguen buscando os mozos desaparecidos na ría de Muros-Noia hai case 20 días

Publicado o 24/07/2020 14:17

Dezaoito días despois da desaparición dos dous mozos na ría de Muros-Noia, os mariñeiros non peden a esperanza de atopar os corpos. Saen todas as tardes a rastrexar pola zona da desaparición. Din que todas as persoas que afogaron nestas augas apareceron.

Emilio Queiruga, patrón maior de Porto do Son: "Nós seguimos buscando, non hai día que non saiamos, aínda onte volvemos saír. É cousa de paciencia, as buscas case son desesperantes, pero nós seguimos buscando, temos a confianza de que saian porque non temos ningún dato dos que desapareceron aquí que non saíran. Nós seguimos buscando todos os días e esperamos que un día sexa."

No Son seguen buscando a Miguel e a Xabier. Os mariñeiros din que non hai regras fixas para que aparezan os corpos. Malia que recoñecen que cada día que pasa é máis complicado animicamente, non perden a esperanza. Din que as cifras están do seu lado.

Emilio Queiruga, patrón maior de Porto do Son: "Os de Salvamento, os patróns das lanchas son amigos. O outro día estaba co de Ribeira e dicía que non había un día exacto, que influían moitas cousas, o ser mozos novos, o estar a auga fría. O patrón da lancha de Camariñas, que é de aquí do Son, dicíame que o último que rescatou subiu aos 28 días. Entón nós agarrámonos a iso e as estatísticas de que aquí todos apareceron. Aquí non hai ningún caso que coñezamos que dentro da ría non apareceran."

O accidente tivo lugar na praia de Coira, na localidade de Portosín, o pasado luns 6 de xullo pola tarde, cando tres amigos, dous mozos e unha moza, facían uso dunha canoa. Os servizos de emerxencia localizaron no mesmo día da desaparición a embarcación e rescataron en terra a rapaza. A moza foi trasladada ao hospital de Santiago, con hipotermia e mancaduras leves.

Noticias web

24/07/2020