CRTVG

Buscar

Diversas iniciativas promoven a celebración virtual dos Maios

Publicado o 01/05/2020 20:46


Desde que hai rexistros, e xa constan a finais do século XIX, os maios só deixaran de celebrarse en Ourense en dúas ocasións.

Lois Pardo, #CantádemeunMaio: "Moito máis tristes e máis dramáticas, que foi durante a guerra civil, no 37 e no 38. Nesta ocasión é polo estado de alarma e emerxencia sanitaria, que é moi grave, pero non nos debuxa unha realidade tan dramática coma entón".

Os maios non poden este ano saír á rúa, pero vanse celebrar nas casas. A iniciativa Cantádeme un maio, de diversos colectivos sociais e culturais de Ourense, proponnos compartir maios e coplas a través das redes sociais, substituíndo a mítica rúa do Paseo, polos foros online: "Cantádeme un maio, dixo unha rapaza. Este ano osmaios fanse desde a casa".

Tamén en Allariz se están animando os maios virtuais.

María López, concelleira de promoción económica de Allariz: "Decidimos facer un concurso. Fan os maios na casa, ou ben enxebre ou artístico, e os premios irán destinados a vales para mercar no comercio local cando todo isto remate".

E en Verín, os maios deste ano son solidarios, con doazóns para a investigación da vacina contra a Covid-19. Distintas iniciativas para reivindicar unha festa que nos anima a tirar para adiante.

Lois Pardo, #CantádemeunMaio: "É unha festa moi de renacer, de enerxía positiva, de revivir..."

Noticias web

01/05/2020