CRTVG

Buscar

Os locais hostaleiros de Escairón sofren unha vaga de asaltos

Publicado o 31/08/2020 13:58

Os locais hostaleiros de Escairón, no Saviñao, están a sufrir unha vaga de roubos. Un dos máis afectados é esta cafetería do centro da vila, que xa foi asaltada dúas veces nos últimos quince días. Nesta última ocasión, forzaron de novo as portas e rebentaron a máquina comecartos para se faceren coa recadación. Foi o mesmo que ocorreu nestoutro bar, que resultou asaltado xusto antes.

"Pechei pola noite, como todos os días, e logo cheguei pola mañá e vin que a porta estaba aberta. Non entrei, pois primeiro mirei a través do cristal, e xa vin que a máquina comecartos estaba apartada e coa porta aberta. Logo xa entrei e marchei onda a Garda Civil. E a partir de aí, estiven esperando para cambiar a porta", di Marisa Blanco, dona do bar.

"O primeiro que vin foi a porta medio aberta. Entón chamei o meu xefe. Nese momento ía pasando tamén a Garda Civil, pero non me fixeron caso ningún porque roubaran tamén en O Noso Lar. Ao entrar, vin que estaba a comecartos toda desfeita por debaixo. Estaba toda rota. Tamén intentaron abrir a máquina do tabaco, pero non o conseguiron. E menos que ese día sacaramos a caixa rexistradora de aquí e levaramos para dentro", asegura Florinda Rauseo, encargada da cafetería.

A semana anterior tamén foran asaltados dous locais hostaleiros de Escairón. Á parte da cafetería, os ladróns entraran tamén nestoutro bar do centro da vila, onde se fixeron cuns 3.000 euros.

"Entraron o venres, de madrugada, romperon a porta cunha pata de cabra, levaron a comecartos, a caixa rexistradora e a lotería de Nadal. Da lotería, foran bastantes cartos, porque correspondía á recadación de quince días. Xusto viñan cambiala ao día seguinte, e levárona toda", indica Carlos Muñoz, encargado do bar.

En todos os casos, os asaltantes forzaron as portas, polo que provocaron danos por valor de varios miles de euros. Só nesta cafetería, estiman que as perdas superan os 5.000 euros. A Garda Civil investiga agora a autoría dos feitos, que podería estar relacionada co roubo dun coche, un Seat León, en Monforte.

Noticias web

31/08/2020