CRTVG

Buscar

Os ladróns eluden a videvixilancia e rouban 1.400 euros en dous negocios de Negreira

Publicado o 03/10/2019 13:48

Os dous negocios asaltados están na Arieira, ao lado de Negreira, e só separados por outro inmoble comercial con vivenda enriba.

Primeiro entraron na nave de distribución de leite e bebidas. Fixérono polo oco dunha ventá tras facer panca e retirar as dúas follas corredeiras. O negocio ten videovixilancia interior, pero a acción só a puido rexistrar unha cámara que non tiñan localizada. Un individuo, con gorra, luvas e mochila, e outro que, supostamente, o axudaba, escacharon o vidro interior para chegar á tenda e ás oficinas. Remexeron ata dar co diñeiro, uns 500 euros, e encheron a mochila de botellas por valor duns 200 euros. Ata romperon unha rexistradora en desuso, por se tiña cartos.

A alarma deu a alerta á unha e media da maña de onte, e chegaron o dono e a Garda Civil. Temían que os ladróns estivesen dentro, porque non vían rastro da saída, ata que o ruído dunha billa que deixaran aberta na fuxida desvelou por onde entraran e saíran.

Mentres tanto, agocháronse pola zona e, cando volveu a calma da noite, forzaron a porta traseira deste taller e lograron atravesalo para chegar ás oficinas sen que os detectase ningún dos elementos da videovixilancia. Nin soou a alarma. Onte á mañá o dono encontrou a oficina patas para arriba. Os ladróns remexeran todo e levaron uns 900 euros en efectivo.

Os donos de ambos negocios cren que os ladróns coñecían as instalación e, en consecuencia, a situación de videocámaras e sensores.

Noticias web

03/10/2019