CRTVG

Buscar

Os investigadores da morte de Marta Calvo cren que puido ser despezada nun lugar diferente

Publicado o 16/12/2019 14:03

A Garda Civil retomou a busca de Marta Calvo na maior planta de residuos de Valencia. Os axentes buscan tamén noutras localizacións, tras rastrexar o posicionamento dos tres teléfonos móbiles que empregaba o sospeitoso da súa desaparición.

Os axentes da Garda Civil volveron esta mañá ao vertedoiro de Dos Aguas para buscar entre toneladas de lixo restos do corpo de Marta Calvo.

A investigación ampliouse a outras localizacións seguindo o rastro que deixaron os tres teléfonos móbiles que tiña Jorge Ignacio Palma e que lles permitiron saber aos axentes onde estivo o detido nos días posteriores á desaparición de Marta.

Os axentes desconfían da súa versión de que despezou o corpo da muller na súa casa da localidade de Manuel, lugar en que se perdeu o rastro de Marta, o pasado sete de novembro.

Pero as investigacions revelaron que o consumo de auga da vivenda non se correspondía coa limpeza a fondo que este fixo da casa antes de marchar dela. Os especialistas non atoparon resto ningún de sangue a pesar de que desmontaran desaugadoiros, tubaxes e mesmo parte do chan.

Todo isto fai pensar que Jorge Ignacio puido recibir axuda. A pesar de que non implicou a ninguén nos feitos, a hipótese que se baralla é que o corpo de Marta foi despezado nun sitio diferente e que o detido estaría tratando de entorpecer a busca.

Noticias web

16/12/2019