CRTVG

Buscar

Os nacionalistas piden que o rei non exerza tutela sobre as Cortes

Publicado o 03/02/2020 21:02

"Non temos rei. A monarquía española e o seu máximo expoñente, o rei de España, non nos representa", comezou dicindo o voceiro de Esquerra, Gabriel Rufián. 

As forzas políticas independentistas, soberanistas e republicanas asinaron un manifesto conxunto no que rexeitan a monarquía, por ser unha "institución anacrónica herdeira do franquismo", e piden que o rei deixe de tutelar aos gobernos e parlamentos que emanan da vontade popular.

O texto, titulado "Non temos rei. Democracia, liberdade e repúblicas", foi lido no Congreso polos portavoces de ERC, Gabriel  Rufián; JxCat, Laura Borràs; CUP, Mireia Vehí; EH Bildu, Oskar Matute; e BNG, Néstor Rego, en castelán, galego, catalán e eúscaro, xusto unha hora antes da apertura da  XIV Lexislatura e para escenificar as razóns polas que non asisten á sesión solemne.

"A monarquía española e o seu máximo expoñente, o rei de España, non nos representa", comeza un texto en que se asegura que a sociedade catalá, vasca e galega "rexeitan maioritariamente" a figura dunha institución que se sustenta no obxectivo de "impoñer a unidade de España e as súas leis, negando os dereitos civís, políticos e nacionais" que asisten á cidadanía.

Os independentistas, soberanistas e republicanos afirman no manifesto que o rei "non é un interlocutor válido para nós, nin ten a lexitimidade dos nosos pobos, nin lle recoñecemos ningunha función política".

"Menos aínda -lembran- cando o seu papel para coas nosas nacións non foi outro que o de tentar impoñer proxectos e valores antidemocráticos, como quedou demostrado no discurso autoritario pronunciado o 3 de outubro" de 2017.

Segundo os asinantes do texto, "a monarquía española é un estamento que non responde os valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia" e unha democracia real, din, "só será posible desde a ruptura coa herdanza, as bases e valores que representa o rei e a súa figura".

Polo tanto, consideran que o rei e a monarquía "deben deixar de exercer a súa tutela sobre a cidadanía e sobre os gobernos e parlamentos que da vontade popular emanan".

"Só así -din- poderase dar leito a solucións baseadas no respecto á vontade popular, a liberdade e a democracia".

A oposición censura a actitude dos nacionalistas

Ciudadanos lamenta o desprezo ao rei dos partidos que apoiaron a Pedro Sánchez. Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso "Podería ter sido unha lexislatura de acordos e consensos entre constitucionalistas pero será unha lexislatura marcada por aqueles que queren cambiar de réxime ou polos que queren cambiar de país"

Podemos aplaude o discurso valente e distinto, na súa opinión, do monarca. Pablo Echenique: "O xefe do Estado falou claramente de diálogo, de convivencia, dunha aposta polos acordos e pola palabra que, a bo seguro, non gustou nas bancadas da dereita e da estrema dereita"

O Partido Popular subliña o contraste entre as apelacións á concordia de Filipe VI e os insultos, dixo Pablo Casado, dos independentistas. VOX ve xustificada a súa proposta de ilegalizalos. Santiago Abascal. presidente de Vox:"Tivemos que asistir nesta cámara ao feito de que os capos deste goberno, aqueles de quen depende de xeito directo ou indirecto, se atrevesen a vir agora aquí a atacar á súa maxestade o Rei, a dicirnos que non debía estar aquí, cando quen non debían estar aquí son eles" Pablo Casado. presidente do PP: "Creo que houbo afirmacións moi graves falando dunha xefatura do estado non democrática e eu non podo máis que censuralas no nome do meu grupo parlamentario e creo que sería bo tamén que o presidente do Goberno o fixera"

O PSOE non entra na polémica. Expresa o seu apoio ao rei e di que hoxe comeza a lexislatura da xustiza social. Adriana Lastra. voceira do PSOE no Congreso "Vai ser unha lexislatura de diálogo, diálogo e diálogo permanente con todos os grupos parlamentarios e tamén co resto da sociedade"

 

Noticias web

03/02/2020