CRTVG

Buscar

Os incendios arrasan máis de 900 hectáreas en tan só dous días en Galicia

Publicado o 06/09/2019 21:30

A superficie afectada polos incendios que afectan os municipios de Fisterra, Lobeira e Monforte de Lemos continuaron en aumento ao longo da tarde deste venres ata alcanzar as 130, 150 e 465 hectáreas, respectivamente.

Ademais, na tarde deste venres rexistrouse outro novo lume na zona da Praia de Boca do Río de Carnota do que polo momento non hai cifra de superficie afectada. Na súa extinción xa traballan medios aéreos e terrestres. Todo iso na primeira vaga de incendios do verán, na que os grandes lumes rexistrados nos últimos dous días arrasan máis de 900 hectáreas.

130 hectáreas afectadas en Fisterra

Segundo informou a Consellería do Medio Rural no seu último parte informativo, xa está estabilizado o incendio rexistrado na parroquia de Sardiñeiro, en Fisterra. As últimas estimacións cifran a zona afectada por este lume en 130 hectáreas e na súa extinción participan oito axentes, 16 brigadas, nove motobombas, tres pas, seis helicópteros e catro avións. Ademais, colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado o incendio de Lobeira

Controlado o incendio rexistrado no municipio ourensán de Lobeira, parroquia de San Xes de Vilariño. As estimacións provisionais cifran a superficie queimada en 150 hectáreas dentro do Parque Natural do Xurés. No lugar traballa un técnico, 12 axentes, 37 brigadas, 15 motobombas, dúas pas, sete avións e sete helicópteros.

Controlado o incendio de Monforte con 465 hectáreas arrasadas

Pola súa banda, aínda que quedou controlado ás 13,48 horas deste medio día o incendio forestal localizado na parroquia de Seoane de Monforte de Lemos e que tamén afecta o concello de Pantón, a superficie arrasada polas chamas creceu nas últimas horas ata as 465 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse tres técnicos, 10 axentes, 49 brigadas, 24 motobombas, cinco pas, 13 helicópteros e sete avións.

Controlados os de Porto do Son e Cenlle

Ademais, continúa controlado desde as 10,38 horas deste venres o lume rexistrado no concello coruñés de Porto do Son, na parroquia de Miñortos, e que afecta a 90 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 18 axentes, 36 brigadas, 24 motobombas, tres pas, seis helicópteros e cinco avións. Tamén participan os efectivos da UME.

Este é o maior dos incendios rexistrados ata o momento na comarca do Barbanza, onde o xoves rexistráronse uns oito focos de chamas en distintos municipios como Noia, Lousame ou Boiro.

Controlado o lume detectado en Cenlle

Por último, tamén está controlado desde as 19,04 horas do xoves o lume detectado no concello ourensán de Cenlle, parroquia de Barca de Barbantes, ás 18,58 horas do mércores. As últimas estimacións cifran en 46 hectáreas de monte arborizado a superficie afectada. Nos labores de apagado das chamas participaron dous técnicos, 10 axentes, 42 brigadas, 21 motobombas, unha pa, seis helicópteros e sete avións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019