Os hospitais prepáranse para recibir máis enfermos de covid ante a velocidade dos contaxios
Os sanitarios acusan o cansazo e fan un chamento a cumprir as normas
Co ritmo de contaxios disparado e máis de 16.000 casos activos a presión trasládase cuns días de diferenza aos hospitais galegos. Os seus responsables din estar preocupados pero tamén preparados. E non só cos plans locais de continxencia.
Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense: "Estamos traballando en rede co resto de hospitais e áreas sanitarias de Galicia para traballar como un único hospital".
Pero parte do persoal sanitario acusa o cansazo a nivel laboral e persoal.
"Estamos no peor da pandemia, falo da nosa área sanitaria. E cunha progresión do que queda por diante moito peor da actual", recoñecía o doutor Ramil, internista do CHUAC.
Unha presión que se sofre sobre todo nas unidades de críticos a onde non só chegan anciáns.
Jorge Nieto, médico da UCI do CHUO asegura que entra desde xente moi nova de 30 anos a outra máis maior.
"Non hai que baixar a garda por pensar que a nós non nos vai tocar", asegura.
"Eu teño que pasar un montón de horas co EPI posto. Ves que cada vez ingresa xente máis nova. É moi desesperante ver que ti estás loitando moitas horas e que a xente na rúa pasa absolutamente de todo", láiase Mar Docampo, enfermeira na unidade de críticos do hospital ourensán.
Virólogos como o profesor Pereira cren que coa pandemia descontrolada resultan insuficientes os peches perimetrais ou o toque de queda.
"Deberiamos facer o confinamento domiciliario. Creo que dous meses, pero iso irase vendo cada dúas semanas. E cando a curva estea realmente controlada, nese momento os peches perimetrais e a vixilancia estrita de todos os positivos", asegura este experto da Universidade de Santiago.
Unhas medidas que, asegura, frearían os contaxios e aliviarían a carga asistencial.