CRTVG

Buscar

A China amplía a área de corentena polo coronavirus e mantén bloqueadas uns 18 millóns de persoas

Publicado o 23/01/2020 10:15

A cidade chinesa de Huanggang, próxima a Wuhan -epicentro do brote de pneumonía vírica que deixou polo menos 17 mortos-, anunciou que tamén suspenderá a partir da medianoite de hoxe todo o transporte e pediu aos cidadáns que non saian da urbe sen "razóns especiais".

Así mesmo, outro municipio próximo a Wuhan, Ezhou, anunciou que a estación de tren local quedará pechada ata novo aviso.

Huanggang ten máis de 6 millóns de habitantes e Ezhou, un millón, o que eleva a uns 18 millóns de persoas os que se atopan xa nesta corentena 'de facto' iniciada esta mañá en Wuhan, onde todos os transportes quedaron suspendidos para tratar de conter a propagación do brote.

Segundo un comunicado publicado na páxina do Goberno municipal de Huanggang -situada a uns 60 quilómetros de Wuhan e separada de Ezhou soamente polo río Yangtsé-, a partir da medianoite hora local de hoxe quedarán suspendidos todos os transportes públicos locais e de longa distancia e "pechada temporalmente" a estación de ferrocarril.

"Todos os cinemas, cibercafés e lugares de reunión en interiores, así como os lugares de turismo e entretemento na cidade de  Huanggang serán pechados", apunta o documento, que tamén anuncia a clausura do mercado central pero non establece ningún calendario para a reapertura dos citados emprazamentos. O comunicado das autoridades de Ezhou é moito máis conciso e só indica que, comezando á 11.20 hora local de hoxe, a estación de tren da cidade quedará pechada ata novo aviso.

Wuhan, capital da provincia centro-oriental de Hubei e fogar de 11 millóns de persoas, suspendeu a partir das 10.00 horas locais de hoxe o "transporte público urbano, o metro, o transbordador e os transportes de pasaxeiros de longa distancia" e pechou indefinidamente o aeroporto e a estación de tren para saír da cidade para tratar de conter a propagación do novo coronavirus.

Do mesmo xeito que en Huanggang -aínda que no caso de Ezhou, as autoridades non o especificaron-, ninguén poderá deixar Wuhan sen "motivos especiais".

Na tarde de hoxe, o Ministerio de Transporte chinés selou aínda máis a cidade ao anunciar a suspensión de todo o "tráfico de pasaxeiros por estrada e vía fluvial", especificando que todas as liñas de transporte por estrada que pasan por Wuhan deberán rodear a urbe e non poderán nin deixar nin recoller pasaxeiros nela.

Segundo un reconto actualizado ás 18.00 hora local de hoxe pola televisión estatal CGTN, o número de casos confirmados en toda China da xa coñecida como pneumonía de Wuhan ascende a 631, e tan só en cinco rexións do país non se rexistrou ningún aínda.

O número de falecidos mantense polo momento en 17, todos na provincia de Hubei.

O Diario do Pobo, órgano oficial do Partido Comunista Chinés (PCCh) informou a última hora de hoxe de que a partir desta medianoite non se cobrarán gastos de cancelación en todo o país para quen desexe devolver os seus billetes de ferrocarril.

Millóns de chineses aproveitan estas datas, xusto antes do Ano Novo lunar, que se celebra o sábado, para regresar aos seus lugares de orixe no que se coñece como a maior migración do planeta.

A OMS estuda declarar alerta mundial

A pneumonía provocada polo coronavirus que xurdiu na cidade chinesa de Wuhan é como a que pode causar o virus da gripe. Transmítese do mesmo xeito e os síntomas son parecidos. O índice de mortaldade é agora do 3%, pero pode variar.

"É parecida á taxa de mortaldade da gripe. É dicir, non é aparentemente máis grave. Pero non sabemos o que vai ocorrer con esta epidemia, porque está empezando. Temos que prepararnos a que se poda estender de forma moi rápida e que haxa que detectala axiña, sobre todo en persoas con outras patoloxías", explica Antonio Antela, responsable de enfermidades infecciosas do CHUS.

A doenza detectouse fóra da China, no Xapón e nos Estados Unidos, entre outros países, polo que a Organización Mundial da Saúde estuda a posibilidade de declarar alerta mundial para evitar unha pandemia, como a ocorrida en 2003 co virus do SARS, tamén de orixe chinesa. Daquela, a maior parte dos contaxios producíronse en países da contorna.

"É verdade que pode chegar a calquera sitio, pero ao final parece que se circunscribe ás zonas máis próximas ou con máis tráfico co sitio de orixe. España está moi afastada da zona cero, e a posibilidade, aínda que existe, neste momento é baixa", engade Antela.

O Ministerio de Asuntos Exteriores español aconsella non viaxar ás zonas máis afectadas do país, onde xa se rexistraron máis de 570 casos e polo menos 17 mortes.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2020