CRTVG

Buscar

Os gromos de Santa Comba, Muros, Melide e Lalín disparan a área de Santiago

Publicado o 24/08/2020 15:02

As autoridades sanitarias seguen a evolución do gromo rexistrado en Santa Comba tras unha comida familiar, que, polo momento, orixinou 22 positivos en coronavirus: 20 na área de Santiago e 2 na da Coruña.

Varios negocios tiveron que pechar e moitos veciños permanecen confinados, mentres se rastrexan os posibles contactos. Dende o Concello extreman as medidas para evitar novos contaxios.

O alcalde da localidade, David Barbeira, explica que están suspendidas as actividades municipais e pechadas as instalacións.

María Allo, directora dunha escola infantil, asegura que non saben se poderán abrir, tal e como estaba previsto, o vindeiro día 4 de setembro.

En Muros, os dous gromos rexistrados nesta localidade permanecen estabilizados con 18 casos. 10 vinculados ao foco dun cámping e os outros 8 relacionados cunha segunda repunta rexistrada na fin de semana.

En Melide detectáronse dous novos casos relacionados cos 16 positivos rexistrados no cribado masivo a mozos. Hai 42 casos, aos que se lles está facendo o seguimento.

En Lalín xa son 3 os contaxiados na residencia de maiores Domus VI. Trátase, segundo Sanidade, dun usuario e dúas traballadoras. Os maiores que viven no centro permanecen confinados e sen visitas.

En total a área sanitaria de Santiago e A Barbanza rexistra 274 casos activos, 4 deles están hospitalizados.

Noticias web

24/08/2020