CRTVG

Buscar

Os gromos de coronavirus esténdense polas catro provincias galegas

Publicado o 09/08/2020 15:12

A última vítima do coronavirus en Galicia é unha muller que estaba ingresada no hospital da Mariña, en Burela, dende había 17 días. Tiña 83 anos e faleceu de madrugada. Con ela, o número de persoas mortas dende o comezo da pandemia sobe a 621, segundo os datos oficiais.

No centro hospitalario non quedan pacientes diagnosticados con coronavirus. Si hai un ingresado no HULA e dous en Monforte. Amais, en toda a provincia, hai que sumar 71 positivos que pasan a doenza na casa.

Na casa ou no caso da tripulación do Punta do Xuncos, no barco, onde viven o seu cuarto día de confinamento amarrados á porto. Nas próximas horas tres dos mariñeiros repitirán as probas. Os outros dez xa pasarían a enfermidade.

"O importante é que non contaxiemos a ninguén", di o patrón do palangreiro.

Na cidade de Pontevedra, o pub Moncloa permanece pechado e os seus traballadores confinados. Despois do diagnóstico positivo do porteriro do local, outras catro persoas sometéronse ás probas. Todos deron negativo. O propietario agarda abrir de novo o establecemento este mércores.
Á marxe desta repunta, boa parte dos casos rexistrados na última semana na área sanitaria de Pontevedra están relacionados co gromo de Caldas de Reis, cunha ducia de casos positivos e unhas quince persoas máis en seguimento.

Na área sanitaria de Ourense medraron algo os casos activos dende onte, pasaron dos 37 aos 41, pero só dous están hospitalizados. Entre os novos positivos está unha moza de 25 anos, que viaxaba dende Santo Domingo. Detectáronllo tras facerlle unha proba preventiva á súa chegada. Ten síntomas leves e está illada na súa casa, en Ourense. Rastrexáronse os seus contactos e deron postivo dous fillos, que non presentaban síntomas.

Noticias web

09/08/2020