CRTVG

Buscar

Os gobernos de Portugal e España simbolizan a apertura das fronteiras

Publicado o 01/07/2020 13:38

O rei, o xefe do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, e o primeiro ministro luso, António Costa, protagonizaron este mércores en Badaxoz un acto co que simbolizaron a reapertura das fronteiras entre os seus países. Unhas fronteiras que permaneceron pechadas desde o pasado 17 de marzo como consecuencia da pandemia de coronavirus.

A transcendencia que supón a volta á normalidade transfronteiriza quíxose poñer de manifesto con esta cita dos dous xefes de Estado e os dous presidentes de Goberno e cun acto dobre, primeiro en Badaxoz e despois na localidade portuguesa de Elvas.

A Alcazaba de Badaxoz foi o escenario do primeiro acto e onde as autoridades rexionais e locais, encabezadas polo presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, recibiron aos xefes de Estado e de Goberno.

O primeiro en chegar foi Sánchez, e máis tarde fíxoo o rei, quen minutos despois recibiron a Rebelo de Sousa e Costa.

Un cuarteto da Orquestra de Estremadura interpretou os himnos nacionais dos dous países, momento no que todos eles, ao aire libre, desposuíronse das máscaras de protección.

Volvéronas colocar para dar un paseo posterior sobre a muralla da Alcazaba e desde a que divisaron territorio portugués.

Tras unha foto de familia, houbo unha reunión informal dos protagonistas do acto antes de desprazarse ao castelo da localidade lusa de Elvas.

Unha fronteira que recobra a normalidade dez días despois do resto das que permaneceron pechadas dentro do espazo Schengen e unha vez superado o estado de alarma en España aínda que se suceden algúns rebrotes de contaxio.

A situación segue sendo preocupante en Portugal. Despois de ser un dos países europeos que tiveron máis controlado o virus, os datos certifican a súa expansión nalgunhas zonas como o cinto metropolitano de Lisboa, e en apenas unhas semanas pasou a ser o segundo país de Europa en número de contaxios por habitante e só superado por Suecia.