CRTVG

Buscar

Os galegos somos os que máis consumimos peixe en España: 30 quilos por persoa cada ano

Publicado o 01/10/2019 15:14

Trinta quilos por persoa, máis da metade deles de produto fresco. Esa é a media de consumo anual de peixe e marisco en Galicia, segundo o último informe de Consumo Alimentario. Estamos á cabeza de España, e moi por riba da media. Mesmo así, continúa a tendencia decrecente, agás nos conxelados. E semella que a razón está no peto: o gasto medio anual por persoa é de 78 euros en peixe fresco.

En fresco, e a pesar do anisakis, cada galego consome anualmente case tres quilos de pescada. De luras e polbo, pasamos dos dous quilos, pero onde levamos a palma é nos mariscos, con oito quilos ben pesados cada un de nós ao ano.

Por franxas de idade tamén hai diferenzas. Come máis peixe a xente maior e os nenos pequenos. A mocidade e a mediana idade, moito menos.

Con todo, Galicia supera a media de consumo en case todas as variedades analizadas. A excepción está nas conservas. Somos líderes mundiais en produción, pero non chegamos á media de consumo estatal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019