CRTVG

Buscar

Os fotógrafos Vari Caramés e Alberto García-Alix encóntranse en 'Entre las sombras', na Coruña

Publicado o 22/06/2020 19:59

A Galería Parrote, na Coruña, convídanos ata finais de xullo  a formar parte dunha desas oportunidades que non se dan todos os días. Dous fotógrafos dos grandes nunha mesma sala e nunha exposición conxunta. O galego Vari Caramés e o Premio Nacional de Fotografía Alberto García-Alix encóntranse en 'Entre las sombras'.

Para facer esta entrevista gustaríanos apagar a luz, estar ás escuras ou agardar a que remate o día. Gustaríanos que os dous fotógrafos falasen das sombras que os unen. Recíbenos o coruñés Vari Caramés, García-Alix escóitanos desde as súas fotos. Os dous andan 'Entre las sombras'.

Aventura convertida no diálogo de dous amigos cómplices na vida e na profesión. No misterio e na nocturnidade. No branco e no negro. Ás veces máis negro que branco. Unha trintena de fotos da década dos 80 e 90 no caso de Caramés, da actualidade no outro.

Un instante do escritor monfortino Lois Pereiro, un segundo da realidade intuída, un edificio de Correos no recordo dun neno. Tantas, tantísimas cousas agochadas na intención dun xogo que, logo de catro décadas, segue divertindo

Para fuxir dela só hai que entrar na Galería Parrote, na Coruña, fronte ao mar e entre as sombras.


 

Noticias web

22/06/2020