Os forenses atoparon o perfil xenético de César Adrio na roupa de Ana Enjamio
César Adrio chegaba aos xulgados vigueses para sentar no banco dos acusados por cuarto día consecutivo. Esta mañá escoitou as conclusións dos forenses que realizaron a autopsia ao cádaver de Ana Enjamio, en colaboración co Instituto de Toxicoloxía, que analizou as pezas de roupa que levaba a vítima. O seu informe conclúe que nesa roupa apareceron restos de dous perfís xenéticos, un o de Ana Enjamio e o outro do acusado, César Adrio.
As forenses explicaron que as feridas que presentaba a vítima foron realizadas cunha arma branca e que as recibiu en vida. A maior parte delas estaban na parte superior do tórax e no peito esquerdo. Algunhas perforáronlle o corazón provocándolle a morte e outras chegaron a romper tecido óseo. O corpo da falecida tiña feridas nas mans que evidencian o intento de defenderse e hematomas que demostran que o seu agresor lle taponou os orificios respiratorios para impedir que pedise auxilio. Os forenses sitúan a hora da morte entre as cinco e media e as sete da mañá.
Respecto a César Adrio, o informe só reflicte pequenas feridas nas mans e a análise psiquiátrica conclúe que non presenta patoloxía ningunha e que se comporta de modo frío, calculador, controlando sempre as súas respostas.
Na xornada de hoxe tamén prestaron declaración axentes da Policía Científica, que destacaron o extremadamente curtas que levaba as uñas o acusado cando tomaron mostras das súas mans. Antes testificou o propietario do taller onde César Adrio arranxou o seu vehículo. Confirmou a entrega do coche sen acabar a reparación o venres dezaseis de decembro porque ao acusado lle urxía.
Ademais, os membros do xurado puideron ver o contido das gravacións das cámaras de seguridade dunha gasolineira próxima á casa de Ana Enjamio que, supostamente, recolleron a imaxe do coche de César Adrio, ás cinco da mañá, o día dos feitos.