CRTVG

Buscar

Os fogos do Apóstolo máis atípicos

Publicado o 24/07/2020 14:30

A tradicional alborada e desfile pola rúa de xigantes e cabezudos que anuncian as Festas do Apóstolo, reduciuse este ano a un baile só de cabezudos, provistos das súas respectivas máscaras, como toca nestes tempos de coronavirus. Non houbo pasarrúas, bailaron no escenario instalado na praza da Quintana, a onde se pode acceder con reserva previa e ocupación limitada. Así comezaba este atípico 24 de xullo en Santiago, sen o balbordo das atraccións de feira na Alameda, nin as casetas do polbo e con menor afluencia de visitantes. Os sectores máis damnificados son a hostalería e o comercio.

A noite dos fogos tamén será este ano excepcional. Non haberá espectáculo audiovisual no Obradoiro. Ás 11 e media comezará o espectáculo pirotécnico. E os fogos lanzaranse desde 8 puntos da cidade: a alameda, a Cidade da Cultura, o parque Carlomagno das Fontiñas, o parque Luis Pasín en Conxo, a granxa do Sexto no Pedroso, a Almáciga, o parque Eugenio Granell na Pontepedriña e o Monte de Deus en Vite. O obxectivo é evitar aglomeracións.

Establecerase un perímetro de seguridade de 120 metros ao redor dos puntos de lanzamento onde non se poderá aparcar e os residentes dentro desa zona tampouco poderán entrar nin saír das súas casas entre as 11 e as 12 da noite.

Noticias web

24/07/2020