CRTVG

Buscar

Os EUA e O Brasil sitúan América como a rexión con máis mortes por COVID-19

Publicado o 12/06/2020 07:25
Os EUA e O Brasil sitúan América como a rexión con máis mortes por COVID-19

América xa lidera as estatísticas mundiais de mortes polo coronavirus. Esa conta indica as dramáticas e crecentes cifras que saen diariamente en varios países do continente, no medio das  desescaladas das medidas de illamento social para reactivar a economía.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) asegurou que América, con 185.800 falecementos, superou a Europa, que á data xa conta 185.500, a segunda zona máis afectada pola pandemia no mundo.

América contabiliza 3,48 millóns de casos, fronte a 2,33 millóns en Europa, e ambos os continentes concentran máis do 90 % das mortes pola enfermidade, que ascenden a 413.372 en todo o mundo.

O Brasil supera os 40.000 mortos

O Brasil, o epicentro da pandemia en Latinoamérica e o segundo país con máis contaxios no mundo, confirmou 1.239 novos decesos nas últimas 24 horas, e con iso o total de falecidos chega a 40.919 e os casos xa suman 802.828.

O imparable avance do virus coincide coas reaperturas en São Paulo e o Río de Xaneiro, as cidades máis poboadas e as máis afectadas pola COVID-19, dos centros comerciais a pesar de que o pico de contaxios aínda non chegou.

Os EUA ante un dilema

Nos Estados Unidos, con 2.021.990 contaxios e 113.774 mortes, os cidadáns viven na disxuntiva entre apoiar as reaperturas e expoñerse a un saldo máis tráxico e preocupante ante posibles rebrotes.

Unha das caras máis visibles dese dilema saúde-apertura da economía dáse na Florida, onde tras a reactivación do estado se elevaron de forma significativa os contaxios. Nas últimas 24 horas bateuse o récord con 1.698 novos casos da COVID-19, que elevan a 69.069 os acumulados desde o 1 de marzo. As mortes ascenden a 2.848, 47 máis que o día anterior.

Por contra, Nova York segue mostrando signos de contención da pandemia. O gobernador do estado, Andrew Cuomo, informou de que as mortes baixaron a 36, tras repuntaren a 56 o martes, e de que continúan tamén á baixa as hospitalizacións e os contaxios.

México reporta nunha xornada 4.790 contaxios e 587 defuncións

As autoridades de Saúde de México informaron este xoves de 4.790 contaxios e 587 defuncións por COVID-19, co que o país chegou a 133.974 casos confirmados, con 15.944 mortes desde o comezo da pandemia.

O director xeral de Epidemioloxía, José Luis  Alomía, sinalou que a carga acumulada de casos confirmados de coronavirus durante esta xornada se elevou nun 3,7 % en comparación cos 129.184 contazios do día anterior.

México rexistrou este pasado mércores un récord de contaxios nun só día con 4.883, en tanto que a cifra máis alta de mortes notificadas nunha soa xornada se presentou o 3 de xuño con 1.092 falecementos.

Máis de 6.000 falecidos no Perú ao cumprir 88 días de emerxencia 

O número de falecidos pola COVID-19 no Perú alcanzou os 6.109, ao cumprirse 88 días do inicio da emerxencia sanitaria, cun novo pico de 206 decesos rexistrados nas últimas 24 horas, segundo o informe do Ministerio de Saúde.

Con respecto ao número de contaxios no Perú, o ministerio reportou 5.965 novos casos desde o mércores, que elevaron a cifra total a 214.788 enfermos polo coronavirus, o cal mantén o país como o oitavo no mundo co maior número de infectados.

A Arxentina suma 30 mortos e 1.386 casos máis, máximos diarios

A Arxentina rexistrou este xoves 30 falecidos e 1.386 positivos novos por COVID-19, no que supuxo o seu máximo diario en ambas as columnas desde o inicio da pandemia, que ata o momento levou 765 vidas e deixou 27.373 contaxiados no país austral.

O foco principal, onde máis crecen os casos día a día desde hai semanas, continúa na área Metropolitana de Bos Aires (AMBA), formada pola capital e o amplo cordón urbano que a rodea, que segundo o reporte vespertino diario do Ministerio de Saúde tivo este xoves 1.294 casos dos positivos detectados en toda Arxentina.