CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos baixan os tipos de xuro para estimular a economía fronte ao coronavirus

Publicado o 03/03/2020 21:29

A reserva federal estadounidense baixa por sorpresa medio punto os tipos de xuro para estimular a economía e contrarrestar o impacto do coronavirus nos mercados e nas empresas. A decisión chega despois de que o G7, as economías máis poderosas, se comprometaran a tomar medidas.

"O virus e as medidas que se están tomando para contelo seguramente van pesar na actividade económica tanto aquí coma no estraxeiro durante algún tempo", dixo Jerome Powell, o presidente a Reserva Federal dos Estados Unidos.

O Banco Central Europeo prepara un plan de préstamos, aínda sen concretar, para empresas afectadas polo coronavirus. Tamén o Eurogrupo e o FMI tratarán este mércores o impacto do coronavirus. Iso si, en reunións por teleconferencia en que participará a vicepresidenta Nadia Calviño.

"Temos que ver se é preciso tomar medidas a nivel nacional ou medidas máis xerais para o conxunto da zona euro", explicou a vicepresidenta  para Asuntos Económicos.

O sector turístico, con gran peso na economía española, podería ser dos máis afectados se a crise se prolonga.

"En marzo estamos moi atentos por posibles cancelacións de grupos asiáticos, das zonas de risco", asegura o presidente de Paradores, Óscar López.

A bolsa de Madrid chegou a recuperarse este martes ata un 3%. Pero finalmente pechou cunha ganancia máis cativa de só 0,80%. Non gustou nos mercados que o G-7 só emitira un comunicado de compromiso sen medidas concretas para combater os efectos da crise do coronavirus.

Noticias web

03/03/2020