CRTVG

Buscar

Os médicos advirten da importancia do coidado da voz para certos colectivos

Publicado o 05/05/2019 21:30

Cada vez máis a poboación toma conciencia da importancia que ten o coidado da voz e a prevención dos problemas relacionados coa saúde vocal. Os especialistas alertan da importancia de acudir decontado ao médico cando as disfonías duran máis de 15 días.

Para algúns a voz é a nosa ferramenta de traballo, pero como convivimos con ela desde sempre, ás veces facemos un mal uso, ou un abuso dela. Non pensamos que os hábitos tóxicos que lle afectan ao resto do organismo tamén atacan o noso aparello fonador, e hai que tomar precaucións:

Manuel Estévez, otorrinolaringólogo do hospital Álvaro Cunqueiro: "Evitar o uso moi prolongado e cunha intensidade alta da voz, ter un ambiente axeitado de traballo, sen ter o aire acondicionado moi alto ou moi frío; evitar o alcol e o tabaco que son cousas bastante básicas, facer exercicio físico moderado. Facer pausas de voz. E a xente que ten que estar moito tempo falando recoméndase que cada 40 minutos descanse un e que se hidraten ben".

Os mestres, comunicadores ou cantantes son dos colectivos profesionais que máis coidado deben ter coas súas cordas vocais pero é importante que a poboación en xeral consulte as súas disfonías cando se prolongan no tempo.

Manuel Estévez, otorrinolaringólogo do Hospital Álvaro Cunqueiro: "O que se recomenda sempre é, ante unha persoa que ten unha disfonía que dure máis de dúas semanas, acudir ao seu otorrino para que lle faga unha exploración que determine se pode haber algún problema debaixo desas cordas vocais que poida ter un tratamento inmediato ou diferido".

Detrás dunha alteración na voz pode haber un problema neurolóxico, hormonal ou patoloxías larínxeas que se atallarán mellor canto antes se traten.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/05/2019